Guía e normas de uso



Nesta ligazón descargaredes o documento en formato PDF no que se explica detalladamente o funcionamento da biblioteca da escola.

Resumimos brevemente os contidos do mesmo:

O obxectivo é crear unha auténtica biblioteca dun centro de estudos superiores, empregando os amplos recursos existentes sobre conservación e restauración do patrimonio cultural, algúns deles moi difíciles de conseguir, superando as dificultades derivadas das especiais características do centro.  

O funcionamento da biblioteca atópase nunha fase de cambio iniciada en cursos anteriores, que agardamos dea un importante pulo neste curso 2017-18.
A biblioteca está aberta a todo tipo de usuarios interesados na conservación-restauración e no patrimonio cultural en xeral. Alumnos, ex-alumnos, investigadores e profesores teñen certos dereitos especiais de uso, pero, insistimos, a biblioteca pode ofrecer os seus recursos, en distinto grao, a calquera persoa interesada.

A ubicación da biblioteca e da maior parte dos fondos é a aula 3.4.
A biblioteca emprega os recursos do PROXECTO MEIGA e pode consultarse o catálogo en rede. Os recursos están ordeados nas estanterías segundo unha clasificación temática exhaustiva elaborada especialmente para os recursos da escola.

Os recursos poderán ser emprestados, con algunhas excepcións. Os alumnos e alumnas da escola poderán levar tres libros durante 15 días, con dereito a renovación en caso de que non haxa solicitudes doutros usuarios. Ex-alumnos, investigadores, profesores e outros usuarios teñen outros réximes de empréstito e devolución específicos.

En certos casos poderá solicitarse a apertura da biblioteca sen necesidade de que haxa un responsable na mesma, fóra dos horarios indicados. Deberá consultarse ca profesora coordinadora da biblioteca, Sonia Seco. Neses casos, os usuarios poderán facer autopréstamos nas follas de solicitude presentes na aula.

É moi importante que se manteña a orde na clasificación dos libros nas estanterías. A signatura topográfica implica unha orde numérica e alfabética moi sinxela pero que, ó principio, pode levar a confusión. Por iso, é preferible que os libros sexan devoltos ó responsable ou directamente se deixen encima da mesa, sobre todo en caso de dúbida á hora de deixar un libro no seu lugar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario